O Grupo de Desenvolvemento Rural "Mariñas - Betanzos" ven traballando, desde o ano 2010, na candidatura a Reserva Mundial da Biosfera deste territorio. Este territorio estaría formado por 18 concellos: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, da comarca de A Coruña; Aranga, Betanzos, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza dos Ríos e Paderne da comarca de Betanzos, e Sobrado dos Monxes. A superficie total abranguida é de 113.970 ha, o que representa o 3,9% da superficie continental galega. As Reservas de Biosfera son territorios preocupados por innovar e amosar que é posible compaxinar conservación medioambiental e desenvolvemento sostible, e que teñen un compromiso por mellorar as relacións entre o home e o seu medio. Segundo o Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas da Biosfera, as Reservas da Biosfera son “zonas de ecosistemas terrestres ou costeiro/mariños, ou unha combinación dos mesmos, recoñecidos no plano internacional como tales no marco do Programa sobre o Home a Biosfera (MAB) da UNESCO”. Unha Reserva de Biosfera é froito dunha reflexión conxunta – entre as Administracións e os distintos axentes do territorio – en busca da nosa entidade e a proxección do futuro que queremos. Deberá polo tanto, buscar a calidade de vida sen comprometer ás xeracións futuras, deixando un territorio en mellores condicións que o recibido por os nosos antepasados.
